Lobo do Mar

domingo 22 xaneiro 2012

A cociña agochada
 
No mesmo centro de Vigo, na encosta rúa da Anguía no seu centro histórico agóchase a sorprendente cociña do Lobo do Mar. Unha cociña de bar, de local refuxio de mariñeiros, de noctámbulos, de vividores e de famentas ánimas do mal e do bó vivir. Un lugar onde sempre reciben ao visitante cun sorriso e cunha verba amable que o fan sentir especialmente cómodo.
Da súa cociña productos frescos, especialmente peixes do veciño porto do Berbés. Castañeta, sargo, xoubas, sardiñas ou uns saborosos chipirons da ría, precedidos dunha sopa ou un caldo quente e rematando o menú un acaido requeixo de As Neves con mel. Unha cociña sinxela, feita con moito respeto por mans expertas, e completada cunha pequena, pero coidada e variada adega de viños. E todo por un prezo económico no mesmo centro dunha gran cidade nun renovado e agradable local. 
 
Rúa da Anguía, 2
Vigo
Tlf 986222027
Prezo medio 12 euros

La Cabaña del Cazador

xoves 01 setembro 2011

A cociña do lume
 
A popularización da parrilla en Galicia fai esquecer a moita xente o verdadeiro orixe desta cociña, achegada á nosa terra pola abundante emigración a Suramerica durante o seculo vinte. De entre os locais que aínda co tempo manteñen ese sabor de calidade das mellores brasas destaca La Cabaña del Cazador, na histórica rúa da Torre en A Coruña, senlleira unión entre o centro da vila e a Torre de Hercules.
Nesta casa espartana, limpa e ordeada a parrilla, o seu lume e a brasa son os principais persoeiros, e os peixes, as carnes de porco e especialmente a tenreira son exquisitas. Costelas, costeletas, solombos, criollos ou unhas saborosas moellas, todo de gran calidade feito no seu punto. Unha boa adega e boas sobremesas caseiras ademáis dun sempre apetecible queixo con marmelo completan un bo xantar que pode rematar cun saudable paseo pola monumental Torre.
 
Rúa da Torre, 93
A Coruña
Tlf 981200066
Prezo medio 25 euros

O Escondidinho

xoves 30 xuño 2011

Asados no Miño
 
Perto da raia, a pouco máis de dez quilómetros de Valença do Miño, no lugar de Chamosinhos, xuntanse a diario moitos galegos e portugueses para degustar as especialidades de O Escondidinho, un restaurante asador de gusto tradicional e sobrado éxito aos dous lados do río Miño.
Da súa cociña ou das súas brasas, ademáis do típico bacallao, e un saboroso polbo á brasa servido sobre unha tella quente, unha gran variedade de carnes, dende as tradicionais de porco, boi ou terneira, a outras máis exóticas nestas latitudes como as de cocodrilo ou canguro. Todas preparadas coa influencia da gastronomía miñota, portuguesa e tamén do lusofono irmán Brasil, sendo así a Picanha un dos pratos de máis sona desta casa. A maiores bo trato, boa adega e unha moi boa relación calidade prezo son o segredo deste coñecido local.
 
Freguesía de Sao Pedro da Torre
Lugar de Chamosinhos
Valença do Miño
Portugal
Tlf 00 351 251839256

Mesón Os Pacos

sabado 11 xuño 2011

Comer na ruta

 
Sempre hai quen afirma que para comer ben durante unha viaxe o mellor e parar nas casas de comidas diante das cales abundan os camións, as veces esto é certo, aínda que en moitas ocasions o maior mérito gastronómico do local é o de ter un amplo aparcamento.
En Galicia o movemento diario de comerciais, camioneiros, repartidores, profesionais do volante e mesmo turistas e visitantes pola estradas é un factor económico importante no eido gastronómico. As necesidades de alimentación e descanso destas persoas están cubertas por un bó número de casas de comidas especializadas no menú diario, no achegado prato do día.
Exemplos do ben facer destas casa hai moitos, un deles e o coñecido Mesón Os Pacos, na localidade coruñesa de Bergondo. O seu económico e familiar menú o converte en parada obligada na ruta da vella nacional sexta, os pratos de culler, sopas e caldos, os entrantes frios e os peixes ao forno ou as carnes guisadas elaboradas de xeito caseiro e servidas cun trato amable, limpo e educado fan deste lugar exemplo e modelo de gastronomía sostivel.
 
Raxas, 13, N-VI, Km 578
Bergondo
Telefono 981780414
Prezo menú 9 euros

Raxería San Marcos

sabado 21 maio 2011

Pan, polbo e raxo
 
No imaxinario gastronómico galego o porco e polbo son dúas estrelas que brillan con luz propia. A súa combinación é escollida en centos de festas ao longo de todo o país durante todo o ano. O polbo, normalmente servese cociñado á feira, pero co porco poderíase constituir por un recetario completo, dende asado enteiro ao espeto ata saborosas preparacións da orella ou o rabo, pasando polas filloas da súa sangue, xamóns, lacóns, embutidos, vinchas ou as costelas.
Na comarca de Compostela goza de gran tradición o raxo, a peza do lombo do porco, preparado con distintos mollos e adobos, máis ou menos fortes. Na raxería San Marcos, na vella estrada que une Santiago e Labacoia, o menú a base de polbo á feira e raxo troceado miudo e fritido con allos, leva xa máis de vintecinco anos fidelizando unha abundante clientela. A maiores as súas empanadas, pementos, ensaladas, sobremesas e unha pequena carta de especialidades fan de abondo para converter este local nunha boa e apetecible casa de comidas.
 
Avd. de San Marcos, 50 (Estrada vella do Aeroporto)
Santiago
Telf. 981561931
Prezo medio 18 euros

Taberna de Antes

xoves 05 maio 2011

Xantares de taberna

“Cociña tradicional feita con cariño”, así define a súa oferta gastronómica o propietario de A Taberna de Antes, en Santa Cristina de Cobres, no pontevedres concello de Vilaboa. E así o perciben os numerosos clientes que visitan este local instalado nunha vella e modesta edificación de pedra que conserva o seu espirito orixinal e un agarimoso sabor antigo. Da súa cociña, a do fogo, quentes empanadiñas, saborosas croquetas, polbo, luras, exquisitas anguias fritidas e cocochas en mollo verde. Da súa grella, do lume e da brasa, excelentes carnes, boi e tenreira, porco e tamén polo ou costeletiñas de año. E do esforzo da cociña boas sobremesas caseiras, torta de queixo, flans ou “mousses”. Da súa adega unha boa selección de viños galegos e ademáis, ata que non se remata, a casa ofrece ao visitante sidra natural, feita alí mesmo tódolos anos co mazás dos veciños, como durante séculos foi costume en moitos lugares de Galicia.
A Taberna de Antes, a metade de camiño entre Pontevedra e Vigo, moi perto da ría, esta rodeada de pequenos paraísos, a lagoa de Castiñeiras, Domaio, as Salinas de Ullo e a enseada de San Simón. ¿Quen dá máis?.
 
Magarella, 27
Sta Cristina de Cobres – Vilaboa
Teléfono 687780976
Prezo medio 20 euros

Restaurante La Casilla

venres 22 abril 2011

A tortilla de Betanzos
 
Ovos e patacas en tortilla pouco cuaxada, esta é a senlleira receita da sonada tortilla de Betanzos. Dos moitos locais que nesta nobre e histórica cidade preparan esta prato o máis coñecido e nomeado e o Restaurante La Casilla. Unha ampla construcción enclavada ao pe da vella estrada de Castela, cun delicioso xardín onde desfrutar dun agradable xantar.
Da súa cociña, na que a tortilla é a protagonista, saen tamén saborosos pratos como ameixas, croquetas, chipiróns, caldos ou empanadas, destacando unha exquisita carne asada. Da súa adega, como non, destacar o seu bó “viño de Betanzos” e das sobremesas unha elaborada e delicada leite fritida. La Casilla é unha histórica casa de xantar que se ten adaptado perfectamente as novas realidades deste século sen perder de vista os seus orixes.
 
Avenida de Castela, 90
15300 Betanzos
Tlf 981 770 161
Prezo medio 20 euros

Mesón Mexicano de Tourón

venres 15 abril 2011

Mexico en Galicia
 
Os movementos migratorios son procesos, na maioría dos casos, politicos ou económicos, pero veñen sempre acompañados de interesantes intercambios no campo cultural. Un destes casos é o xurdido pola gran cantidade de emigrantes que ao longo do século XX partirón dende os concellos de Ponte Caldelas e A Lama cara a México. O proceso inverso, o retorno de moitos destes homes e mulleres, ou dos seus descendentes, ten dado seus froitos no eido da gastronomía, e un bo exemplo disto é o Mesón Mexicano de Tourón, no concello de Ponte Caldelas.
Un restaurante instalado nunha antiga casa de pedra, nun pequeño nucleo de vivendas, pero que dende a súa apertura é lugar de referencia para a comunidade mexicana en Galiza. A súa carta fai un repaso polas especialidades mexicanas máis coñecidas: enchiladas, quesadillas, tacos, tortitas ou carnitas, acompañadas sempre dos seus correspondentes mollos máis ou menos picantes. Para completar o menú distintas sobremesas, cervexas mexicanas e tequilas, servido todo nun ambiente familiar. Unha opción distinta que ven a enriquecer e completar a xa amplia oferta gastronómica de Galicia.
 
Tourón, 38
Ponte Caldelas
Teléfono 986 750650
Prezo medio p/p 15 euros

Restaurante Mogay

venres 08 abril 2011

A cociña quere vagar
 
De vagar, con lentitude, sen presa, a modo. Así dende fai máis de dúas décadas avanza a cociña do Mogay, en Chantada. A modiño mimando o produto, coñecendo o seu orixe, a súa trazabilidade e a súa calidade para servilo na mesa e satisfacer aos padais máis esixentes. Lacón prensado, tenreira trufada, filloas recheas de gamba e nabiza, pescada, polbo, pernil de venado, iogur artesan con froitas, torta de amendoas con fariña de castañas……. . Imposible non comer ben.
Ao esforzo da súa cociña engádese unhas coidadas e comodas instalacións, un trato exquisito e unha completa adega das que son protagonistas os viños da Ribeira Sacra. E todo nunha pequena vila do centro de Galicia, traballando con profesionalidade, con sentido e con moito corazón. 
  
Rúa Antonio Lorenzana, 2
Chantada
Tlf 982440847
Prezo medio 25 euros

Restaurante Taybe

venres 01 abril 2011

Cociña sostibel
 
Nunha vila como As Pontes de García Rodríguez, onde agro e industria conviven tan perto, non podían faltar bos lugares onde deleitar o padal. Un destes sitios e o Restaurante Taybe, un local centrico, de coidada decoración e servicio, que traballa tanto o menú diario como un completa e variada carta de especialidades. Da súa carta peixes frescos e carnes, especialmente tenreira e cordeiro. Do menú diario, fundamental nun pobo tan industrializado, destacar o seu equilibrio, a súa presentación e a súa rigurosa elaboración. Cada día faise máis dificil ofertar un menú completo e de calidade a un prezo axeitado, no restaurante Taybe o acadan conxugando dosis do recetario tradicional galego como fabas, verduras, carnes estofadas o peixes a grella con receitas innovadoras usando sempre como base productos frescos.
Cando tantos locais gastronómicos abren e pechan as súas portas en pouco tempo, incapaces de subsistir a esta tola economía, Taybe é un exemplo de cociña sostibel e cun valor engadido para o seu entorno.
 
Avd. de Galicia, 40
As Pontes de García Rodríguez
Telefono 981450317
Prezo menú 10 euros 

Churrasco de Ouro

venres 25 marzo 2011

Menú anticrises
 
O movemento de viaxeiros a traves das estradas xerou de sempre lugares, locais e pobos  sonados nas rutas pola súa oferta gastronómica. A Gudiña, á beira da Autoestrada das Rías Baixas, é de vello lugar de paso e parada entre Galicia e Castela e un exemplo senlleiro do peso da hostelería no desenrolo económico dunha poboación. Coa construcción de novos viais máis rapidos moitos pobos e locais de paso ou ben desapareceron ou mudaron e axeitaron a súa oferta as novas circunstancias, pero a ubicación da A Gudiña permitiulle seguer a manter un gran movemento de comensais tódolos días.
No Churrasco de Ouro, teñen adaptada a súa carta a esta realidade e tamén a estes tempos de crises, un bo menú diario, barato e completo, e unha saborosa parrilla, co churrasco e o chuleton como protagonistas, teñen convertido a este restaurante nunha dos locais de mais éxito na ruta das Rías Baixas. Calquer vaixeiro, habitual ou ocasional, atopa no Churrrasco de Ouro un lugar achegado e agradable onde facer un alto no camiño.
 
Churrasco de Ouro
Corredoira, 2
A Gudiña - Ourense
Tlf 988421129
 

Flor do Ave

venres 18 marzo 2011

O mellor leitón
 
Das especialidades de sona da veciña cociña portuguesa o bacallao, preparado de mil maneiras, e o leitón son as máis populares ao sur do río Miño. Perto de Porto, na estrada que une as localidades industriais de Trofa e Vila do conde atópase o Restaurante Flor do Ave, un local de cociña de especialidade, no seu caso o Leitón asado en forno de leña.
Esta casa malia asar centos de leitons cada mes e de dispor dunhas amplisimas instalacións conserva o sabor das vellas casas de comidas lusas. O leitao sempre no seu punto, moi tenro por dentro e crocante por fora, chega á mesa acompañado de patacas fritidas en rodaxas, mollo caseiro e unha completa e saborosa ensalada e, ademáis, a carta ofrece outras especialidades como a sopa de verduras, o cocido á portuguesa, o bacallao e unha variada carta de sobremesas caseiras.
Para completar a comida a adega é boa e moi ampla, son maioría os comensais que elixen un “cava” nacional tinto ou rosado aínda que certamente o maridaxe que o leitón ofrece aos viños da Bairrada ou o Alentejo supera con moito esta elección. O leitón do Flor do Ave e de por si unha boa excusa para dar unha voltiña polas terras veciñas do norte de Portugal. 
 
Rúa 16 de Maio, 2291
Bairros – S. Tiago de Bougado
Trofa – Portugal
Teléfono 00 351 252 417598
Prezo medio 25 euros

Churrasquería Cantaclaro

venres 11 marzo 2011

Carne e fogo
 
Máis catro décadas levan as grellas de Churrasquería Cantaclaro de Marín asando boa carne. Nun principio a carón do porto de Marín, traballando arreo para ofrecer aos moitos clientes que dende a súa apertura visitaron este local, pero moi especialmente aos traballadores do mar, os mariñeiros que arribaban despois de longo tempo na mar, un bo prato de carne á brasa. Despois dun terrorífico lume que destrozou completamente as súas instalacións no verán do ano 2000, a Churrasquería Cantaclaro reabriu as súas portas en Mogor meses despois, no alto do Chan do Monte, para seguir a ser refuxio dos amantes da brasa, do fogo, da carne e da boa cociña. 
No seu menú, nada mellor que comezar cun abundante prato de langostinos á grella, para continuar cun bacallao, un churrasco de porco, ou unha gran chuleta de tenreira. Ademáis cocidos, callos e pratos de tempada. Na sobremesa a casa e recoñecida pola súa exquisita torta de tona e amendoa. Mención especial merece a súa adega, non moi variada pero cun excelente prezo en viños de adegas de prestixio, tanto galegas como da Rioxa e outras denominacións de orixe. O Cantaclaro é unha boa opción para comer ben á beira da ría de Pontevedra.
 
Chan do Monte, 24
Mogor – Marín
Telf 986880076
Prezo medio 15 euros

Restaurante Catro Ventos

venres 04 marzo 2011

Ventos de Camariñas 
 
No amplo mundo da gastronomía e da restauración hai lugares donde sempre se serven os mesmos pratos, as mesmas especialidades, hai lugares que varian a súa carta nas distintas estacións seguindo un patrón de mercado e hai locais que van e veñen como o vento e adaptan a súa cociña e o seu negocio ás circustancias que os rodean. Este último é o caso do Restaurante Catro Ventos en Camariñas. 
Co vento frio, cando os turistas e visitantes abandonan o pobo, cando o longo inverno aparece, este local refuxiase no menú diario, so abre os días laborais para ser local de reunión de xentes do mar, de traballadores, de comerciais, de obreiros, de mestres e funcionarios que acuden a Camariñas. Para eles dez ou doce pratos escollidos entre productos frescos e mirando moito o clima, caldos e sopas os días de frio, tortilla, empanada ou salpicon de surimi, económica especialidade, os máis calidos, e sempre guisos, potaxes, fabadas, carnes ao forno, peixes ao caldeiro e sobremesas caseiras. 
Co vento quente, cando voltan os de fora, o Catro Ventos, sen abandonar o menú, recupera a carta, os mariscos, as cigalas, os percebes, as navallas e as ameixas, os peixes moi frescos, a cociña alegre e aberta de luns a domingo, esperando outra vez que volte o frio, as mareas vivas que de novo o convertan nun refuxio na Costa da Morte.
 
Muiño do Vento, 81
Télefono 981736064
Camariñas
Prezo menú 9 euros 

Parrillada Ponte Grande

venres 25 febreiro 2011

Menú á brasa
 
A cociña á brasa foi de sempre un recurso habitual nas mesas de Galicia. Dende fai anos, e por mor da influecia da emigración a America abadonáronse os vellos espetos, máis propios das ricas cociñas dos pazos, e popularizouse a parrilla a leña ou carbón. De America chegou o xeito de cociñar na grella a vaca, o boi ou a tennreira, malia que os galegos pouco tardamos en adaptar o porco a estes artes, e hoxe en día o churrasco é un dos máis populares pratos da realidade gastronómica desta terra. Un bó prato de costela de porco ou tenreira, acompañado por un saboroso criollo, patacas, ensalada do tempo e mollo compon o menú diario de moitos locais espallados por toda Galicia.
En Ourense, na estrada que por Celanova une a capital co veciño Portugal, atópase a Parrillada Ponte Grande, un local de paso, da aparcamento doado, económico e trato rapido e correcto. O seu menú, malia que o churrasco é o prato estrela e o preferido da clientela, ampliase con polbo, peixes, empanadas, costeletas e pratos caseiros e de tempada, sinxelos pero ben cociñados que fan desta casa unha boa opción para comer na Terra de Celanova.
  
Estrada Nacional Ourense - Portugal
Barxiña - Celanova
Tel: 988 43 14 55
Prezo medio 12 euros
 

O Parvadas, Casa Fernández

sabado 19 febreiro 2011

O luxo das tabernas
 
Se alguen pregunta en Pontevedra por Casa Fernández, na rúa González Zuñiga, terá dificil atopar quen lle sinale correctamente a dirección, máis se pregunta polo Parvadas, ou incluso pola rúa do Parvadas, non tardará en chegar ao seu destino, o quilometro cero da cidade do Lérez, ao mesmo pé da capela da Virxe da Peregrina. O Bar Parvadas é unha vella taberna de viño e tapeo, lugar de encontro de amigos, de tardes de conversa e noites de ledicia. A súa cociña está integrada neste ambiente, pratos para compartir: polbo á feira, tortillas, empanadas de trigo ou de millo e berberechos, luras, orella e cacheira, zorza e raxo, callos os xoves, e de sobremesa queixo de tetilla con marmelo, todo acompañado por cervexas de barril e unha ampla carta de viños. 
No eido da gastronomía moitas veces o luxo está nas instalacions dos locais, no exquisito do servicio ou na esmerada elaboración da cociña, pero outras veces o luxo está no auténtico, no xenuino, no ambiente amable e achegado que transmiten as vellas tabernas, na súa cociña sinceira e no pracer da comodidade que a familiaridade regala a propios e alleos. 
 

Gonzalez Zuñiga, 4
Pontevedra
Tfno 986864710
Prezo medio 15 euros

Restaurante Sony

venres 11 febreiro 2011

Comer no camiño
 
A gastronomía, a restauración, o movemento económico que xurde historicamente da oferta de alimentos aos viaxieiros ou visitantes ten que adecuarse con naturalide sempre ao entorno no que desenrólase. Nas vilas de Galiza esto non é sempre así, e o fracaso de moitos proxectos neste campo ten eiqui a súa principal razón, nembrantes está é tamén a clave do éxito doutras moitas empresas gastronómicas.
Un exemplo contundente é o Restaurante Sony, en Melide. A interrelación entre a terra e o negocio, a identificación entre o que o mercado precisa e o que o restaurador pode ofertar é a base de traballo desta casa de comidas. O seu amplo comedor a diario serve de punto de encontro de comerciais, repartidores, funcionarios destinados na zona, veciños que acuden á vila a realizar tratos ou xestións e incluso turistas e numerosos pelegrins que camiñan cara a Compostela.
Para todos eles o sinxelo menú do día convértese nunha festa: sopas, caldos, arroces, ensaladas, peixes ou carnes e sobremesas caseiras, todo cociñado en base ao recetario de cociña e os productos máis tradicionais da Terra de Melide e servidos cun trato amable, achegado e cun inmellorable prezo.
  
Estrada Santiago s/n
Melide
Teléfono 981505473
Prezo menú 8 euros
 

Restaurante Coté

venres 04 febreiro 2011

Comer de menú
 
Ferrol, como outros polos industriais en Galiza, acolleu durante o século XX cantidade de traballadores que acudían ao reclamo do emprego nas distintas factorias. Esto motivou un crecemento en distintos sectores e un constante paso de comerciais, obreiros de contratas temporais, funcionarios, etc, e a aparición de moitas casas de comidas preparadas para cubrir as necesidades gastronómicas deste crecemento económico. Na rúa Pardo Baixo, á beira da céntrica praza do Callao, establecéronse un gran numero destes negocios, hoxe en día moitos deles teñen desaparecido, e son xa poucos os que resistiron as reconversions e as distintas crises do naval.
Entre os que aínda traballan con éxito está Casa Coté, un lugar donde comer un bó menú diario. Os restaurantes especializados en este sector saben ben que reclama a súa clientela: comer como na súa casa. Para isto non poden faltar os pratos de culler, caldos, sopas, callos, potaxes e fabadas, ensaladas, peixes cocidos e carnes guisadas,  ou como en Casa Coté uns sinxelos ovos fritos con patacas e chourizo, raxo ou xamón.
En tempos de crise, como os que estamos a vivir, o menú diario ten que ser á forza a taboa de salvación de moitos locais e a escola de moitos dos futuros grandes profesionais da restauración galega.
 
Pardo Baixo, 19
Ferrol
981350367
Prezo menú 10 euros

Casa Mezquita

venres 28 xaneiro 2011

Viño, lamprea e río Miño
 
Co devenir dos novos tempos a gastronomía galega vai esquecendo moitos dos pratos e dos productos que formaron parte do recetarío e do imaxinario colectivo deste pobo. Dende tempo dos romanos a lamprea galega, do Miño ou do Ulla, gozou de sona entre os pádares máis esixentes. Hoxe en día a preparación deste prato ten recuperado moito prestixio e as casas que a cociñan a xeito acadan asiña nome e clientela. Das súas preparacións a máis habitual é “A Bordalesa”, guisada na súa sangue e viño branco e acompañada de arroz e pan tostado. Poren conven non esquezer outras receitas: á brasa, en empanada, seca ou mesmo fritida esta sempre exquisita.
No restaurante Casa Mezquita, ao pé do camiño de ferro da vella estación de Arbo, elaboran unha impresionante lamprea rechea, un prato tan antigo e basico como actual e sorprendente, unha receita xurdida da necesidade da conservación do alimento  que hoxe en día podería ser estrela en moitos locais de cociña de vangarda. Nesta casa de comidas fundada en 1930 a súa carta combina humildes pratos como os ovos con chourizo, as albondigas con fabas ou o polo á cazola, con luxosas viandas como as angulas, as troitas escabechadas ou a nomeada lamprea. Na sobremesa requeson de As Neves, filloas ou leite fritida, bos viños galegos e saboroso café de pota. Todo á beira do Miño na comarca do Condado.
  
Estación, 9
Arbo
Tlf 986665186
Prezo medio 25 euros

Casa Mouriño

venres 21 xaneiro 2011

Cociña de inverno
 
Non hai nada mais agradecido os frios días de inverno que un bo cocido. Unha sopa ou caldo quente e unha boa fonte de carne de tenreira, porco, galiña e verdura fai entrar en calor a calquera. Dos moitos lugares onde o cocido galego ten sona a comarca do Deza é un, e a súa capital Lalín fai festa e bandeira deste prato, ademáis de convertilo nun potente atractivo turístico.
Nesta vila son varias as casas de comidas que o ofrecen ao longo de todo o ano, todas elas cun gran nivel, pero unha das máis antergas é Casa Mouriño. Esta casa de comidas, no centro da vila, vella parada de autocares, transportes de mercadorias e lugar de encontro de viaxeiros, manten ao longo dos anos un renovado espírito de taberna tradicional onde o visitante síntese comodo cun trato calido e achegado. O seu cocido, acompañado por un excelente pan é contundente, sabroso e con calidade, carnes e verduras de gandeiros e labregos da comarca, froito da necesaria fusión entre a gastronomía e o sector primario. As suas tortas e tradicionais sobremesas caseiras e unha cuidada selección de tintos galegos fan de Casa Mouriño un lugar moi recomendable.
 
Matemático Rodriguez, 1
Lalín
Teléfono 986780073
Prezo medio 20 euros